Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Boqueixón finalizou o programa ‘Un mes e Pico’ cunha charla sobre mitoloxía e música en directo na Capela de San Sebastián


Xosé Manuel Lobato presentou un poema inédito sobre o Monte Sagrado

O programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e da Sacralidade do Pico Sacro pechou as súas portas cunha completa xornada na Capela de San Sebastián. Esta foi protagonizada polo presidente da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, Xosé Manuel Lobato, e pola pianista Silvia Carbajales.

Esta última cita congregou na ermida do Pico Sacro a arredor de 30 persoas que asistiron á conferencia de Lobato, titulada De mouros, oestrinios, romanos e outros. Na súa charla o presidente da AC Mestre Manuel Gacio realizou un repaso polos mitos máis salientables en torno ao Monte Sagrado de Galicia.

Aproveitando este peche do programa cultural do Concello de Boqueixón, Xosé Manuel Lobato presentou un poema inédito sobre o Pico Sacro. Este foi proxectado durante o concerto de piano de Silvia Carbajales, que interpretou dúas pezas: Para Elisa, de Beethoven, e Nuvole Bianche, de Ludovico Einaudi.

Centos de asistentes ás distintas actividades

Con esta xornada, o Concello de Boqueixón deu por concluídas sete intensas semanas cheas de actividades culturais en torno ao Pico Sacro. Unhas propostas que sumaron centos de asistentes durante Un mes e Pico, cuxo principal obxectivo foi a posta en valor deste simbólico enclave boqueixanés.

Entre as actividades máis concorridas atopáronse as dúas representacións do Lume Sagrado: a Cerimonia, desenvolvida no propio Pico Sacro, e a Ofrenda, que se realizou en Santiago de Compostela. Outra das iniciativas que colleitou grande éxito foi a visita teatralizada ao Pico Sacro, na que se recreou o mito da Raíña Lupa a través das indicacións dos actores Suso Martínez e Belén Espiñeira. A estas cómpre sumar os numerosos asistentes que acudiron ás distintas conferencias desenvolvidas na Capela de San Sebastián, así como á presentación do documental sobre a Raíña Lupa.

Dende o Concello de Boqueixón amósanse moi satisfeitos coa boa acollida que tivo o programa Un mes e Pico, que agardan poida ter continuidade nos vindeiros anos. O obxectivo final é que se estableza coma unha proposta fixa no calendario de actividades anual do municipio.